O poder como espectáculo
O poder como espectáculo e o perigo da normalización
Non son unha persoa especialmente dada a opinar de política. Como case todo o mundo, teño os meus ideais, a miña forma de ver o mundo, pero nunca fun de andar difundíndoos nin impoñéndoos a ninguén. Hai quen vive a política como unha identidade, como unha bandeira permanente; no meu caso, non. Sempre pensei que hai moitos temas polos que discutir, reflexionar ou mesmo discrepar, sen necesidade de converter cada conversa nun campo de batalla ideolóxico.
Pero algo cambiou.
Ultimamente levántome pola mañá, almorzo e, case sen pensalo, acendo a televisión. Non por costume, senón por unha especie de necesidade incómoda: a de comprobar que pasou no mundo mentres durmía. E iso, lonxe de axudar a desconectar, fai todo o contrario. Porque cada día aparece unha nova declaración, unha nova ameaza, unha nova decisión que parece saída máis da cabeza dun provocador ca da dun xefe de Estado.
E así, sen buscalo, a política entra na miña cociña, e na miña cabeza. Non porque queira opinar, senón porque me preocupa. Porque o que fai este “tolo da colina” ten consecuencias reais no mundo enteiro. Consecuencias que non se quedan nun titular nin nun debate televisivo, senón que afectan a países, a economías, a persoas de carne e óso.
E si, é certo que no noso propio país tamén temos moito que rascar. Problemas internos, decisións cuestionables, responsabilidades pendentes. Pero unha cousa non invalida a outra. O feito de ter conflitos propios non nos obriga a mirar para outro lado cando o poder global se exerce dun xeito irresponsable e perigoso.
Hai momentos na historia nos que a realidade supera á ficción. Momentos nos que un se esperta, le as novas, e ten a sensación de estar vivindo nun relato surrealista, nunha especie de experimento social no que as regras que críamos firmes deixan de existir.
Porque cando o poder cae en mans de quen non cre nos límites, nas leis nin na dignidade humana, o final nunca é bo. E cando nos damos conta, moitas veces xa é demasiado tarde.
Mary F Folgueira.2026

