A sombra do Canteiro
Nas entrañas da Ribeira Sacra, onde o Sil lambe as pedras ancestrais, Xosé cargaba bloques de granito para a nova ponte. Cada alba, o capataz dicía:
Unha hora extra sen paga, ou buscas outro curro.
Xosé calaba. A dor nas costas medráballe coma un meigallo vello.
Un día, o cansazo pesou máis ca o ferro e o martelo esvarou. O capataz caeu. A ponte tremeu.
Cando os xefes chegaron, atoparon a estrutura perfecta, sen fendas. Mais Xosé non estaba. Desde entón, a sombra do canteiro segue traballando, invisíbel, levantando algo máis ca pedra.
A ponte resiste as tormentas. Os obreiros din que, ás veces, o vento ri.
Mary F Folgueira.2026
Hai historias que unha escribe con moita ilusión para un concurso e, despois de darlles mil voltas, acaban quedando gardadas nun caixón. Este microrrelato escribino para un certame de Parada de Sil, pero ao final non o enviei porque non me pareceu suficientemente bo. Son moi perfeccionista con estas cousas: cambio palabras, quito frases, engado outras… e ás veces nunca me parecen acabadas de todo.
Co paso do tempo, cando o volvín ler, pensei que ao mellor tiña máis forza da que eu lle vía. Porque fala de algo que segue existindo: a explotación laboral, o abuso, o silencio de quen traballa máis do que debería e cobra menos do que merece.
Por iso hoxe quería compartilo con vós. Porque non quero que quede no esquecemento. Porque ás veces tamén hai relatos que merecen vivir, aínda que non gañen ningún concurso.

